sábado, 15 de marzo de 2008

AXUDAS PARA A ADQUISICIÓN DUN ORDENADOR PERSOAL


No DOG nº 49 convócanse axudas ao alumnado non universitario para a compra dun ordenador persoal durante o ano 2008.







domingo, 2 de marzo de 2008

Exercicio de hermenéutica filosófica: Pascal.

A mediados do século XVII o matemático e físico francés Blaise Pascal sofreu unha fonda crise espiritual que o levou a se afastar da ciencia para se mergullar de cheo no espazo da reflexión filosófica. Esta viraxe existencial sintetízase nun dos seus aforismos máis coñecidos: "O corazón ten razóns que a razón ignora".

En base ao que xa temos traballado nos temas anteriores, ves algunha relación entre esta frase de Pascal e as ideas de moitos dos filósofos que xa coñecemos? En que época desenvolveu este autor o seu traballo? Contra quen puido ter polemizado? En definitiva, como interpretas ti esta afirmación de Pascal?

domingo, 24 de febrero de 2008

A VOSA VIDEOCREACIÓN: TEMPO EN BOCA

Como sabedes dedicamos un tempo a reflexionar sobre o mesmo, visitamos o MARCO en Vigo para captar as distintas perspectivas que desde a arte actual se fai do tempo e da temporalidade como característica dos seres humanos. Lembraredes que constatamos como nesta sociedade parece que o tempo é máis escaso ca nunca, temos que gañar tempo para traballar máis de modo que poidamos consumir máis, e dalgunha maneira entramos nunha especie de círculo do que non podemos fuxir. Como consecuencia non temos tempo para comer con pausa, para faladoiros, para coidarnos, para os demais ...
Pero antes que nós, moitos filósofos converteron o tempo en obxecto de estudo. Recollemos algúns textos sobre o tema, intercalamos imaxes nas que se reivindica a necesidade de dedicar o tempo preciso ás funcións ás que antes aludíamos, comer, falar, mesmo limpar ben os dentes. Este vídeo é o resultado do traballo dos vosos compañeiros e compañeiras. A miña gratitude a todas persoas que participaron na actividade.
Por un erro na edición do vídeo hai un fragmento de Platón que se adxudicou a Kant e viceversa. Seguro que sodes quen de adiviñar cales son textos mal subtitulados.


martes, 12 de febrero de 2008

Ligazón a "Mercado de proximidade" na Aula Virtual

Premede aquí para acceder ao curso "Mercado de proximidade" que se pode atopar na Aula Virtual do IES Sánchez Cantón.

Aproveito para informaros que pouco a pouco esta aula virtual se irá enchendo de cursos dos diferentes departamentos con actividades, apuntamentos, exercicios ...

Neste momento na categoría de Filosofía tedes outro curso titulado Lóxica I que en breve pode servos de utilidade cando iniciemos ese tema. A este curso tod@s podedes accceder como convidad@s.

martes, 29 de enero de 2008

Os Monty Python, o humor e a Filosofía.

Logo de varios meses de reflexións, datos e informacións temáticas máis ou menos intensas imos configurando na nosa cabeza o significado da Filosofía en canto disciplina. Esixe método, rigor e sistematicidade. Sendo unha materia tan rigurosa, cabe a posibilidade de que a filosofía sexa quen de se rir de si mesma? Debe ser sometida aos rigores metódicos dunha disciplina fondamente racional ou pola contra debe aceptar certos devaneos paixonais, mesmo cómicos? Sendo reducionistas, convéncenos máis a visión realista de Platón ou a defensa do irracional de Nietzsche?

Bótalle un ollo ao seguinte video dos Monty Python, grupo británico que entre os anos 1969 e 1974 mantivo na BBC o programa de humor Monty Python's Flying Circus, espazo de sketches breves cargados de áceda crítica social, cultural e intelectual. Por rir, rían ata da propia filosofía.



Pensas que este tipo de exercicios resultan interesantes ou temos que tomar a Filosofía máis en serio? Realmente a nosa liberdade creativa coñece límites, ou non?

domingo, 27 de enero de 2008

GUSTOS INNATOS E ADQUIRIDOS

Extractos destes capítulos da Nosa Especie:
"Ademais do aire e a auga, temos que inxerir corenta e unha sustancias: un hidrato de carbono que se converta en glicosa; unha graxa que conteña acedo linoleico; dez aminoácidos; quince minerais; trinta vitaminas e fibras non dixeribles que axuden a limpar a parte inferior dos intestinos. "

"A natureza deunos notable liberdade para obter estes nutrientes esenciais de calquera combinación adecuada de vexetais e animais.
[...] Con todo, non vimos ao mundo desprovistos por completo de preferncias gustatorias. Os nenos pon cara de noxo ás sustancias que saben amargo, agre, acre, picante ou salgado e rexéitanas.
[...] O crecemento conduce xeralmente a cambios drásticos nalgunhas das aversións innatas infantís en materia de gustos. "
"As variacións aparentemente arbitrarias dos compoñentes das tradicións culinarias teñen causas alimentarias, ecolóxicas, ou económicas"
Non esquezas ler os capítulos enteiros antes de contestar ás preguntas
  • Cales son os sabores preferidos e cales son rexeitados de forma innata? Cal é a razón segundo Harris?
  • É posible que os gustos innatos se modifíquen co tempo? Como?
  • A que trazo cultural se refíre na seguinte afirmación e que explicación dá sobre algúns casos de universalidade? Poderías definir selección cultural?:
"...a universalidade dun trazo cultural non proba que dito trazo forme parte da natureza humana. Sinxelamente, podería tratarse dun trazo tan útil en tantas situacións diferentes que a selección cultural decantásese no seu favor unha e outra vez."


--
--
--
Premendo aquí atoparás on line un amplo extracto da obra de Jesús Contreras Hernández, Alimentación y Cultura: Necesidades, gustos y costumbres. Nela recóllese un interesante artigo de Paul Rozin que trata sobre as preferencias e aversións alimentarias. Aínda que é un estudo moi profundo, déixase ler con bastante facilidade e está cheo
de exemplos curiosos. (Merece a pena revisar da páxina 85 á 97)
----------
------------
------------

  • Es quen de definir a expresión "Patrimonio cultural dietético" e de pór un exemplo?
  • Especifica factores concretos das variacións deste patrimonio cultural dietético en diferentes sociedades?
  • Que idea destacarías do artigo de Paul Rozin?

Nesta ligazón veredes o traballo que sobre estes mesmos textos fixeron outr@s alumn@s, con resumos, actividades que propoñen, recomendacións ...

Para rematar un video-test sobre nutrición:



(Prazo para facer comentarios ata as 23:59 do domingo 17 de febreiro)

sábado, 26 de enero de 2008

POBRES BAIXOS E GORDOS

"Isto lévame a un paradoxo: no pasado, eran os pobres quen adoitaban estar subalimentados; na actualidade, nos países desenvolvidos, son os pobres quen máis posibilidades teñen de estar sobrealimentados. [...] Agora que as calorías alimentarias son máis baratas que o aire puro, a gordura leva o selo da pobreza e o fracaso." M.Harris

Que explicacións dá Harris deste paradoxo?

Cres que a consideración actual da gordura ten que ver con outros trastornos da conduta alimentaria?

Paréceche que hai manipulación no tratamento que os medios de comunicación de masa fan da obesidade e da oferta de alimentos?

Velaquí dous vídeos para axudarche con estas cuestións:


Para favorecer o debate achéganse outras fontes:
"O estudo da alimentación introdúcenos na investigación da cultura no seu sentido máis amplo. Os comportamentos socioculturais que determinan a alimentación humana son poderosos e complexos: as gramáticas culinarias, as categorizacións dos diferentes alimentos, os principios de exclusión e de asociación entre tal e cal alimento, as prescricións e as prohibicións dietéticas e/ou relixiosas, os ritos da mesa e da cociña, etc. Todo iso estrutura as comidas cotiás. O consumo de alimentos en xeral, xa sexa de comida ou bebida, transcende a pura necesidade de alimentarse no sentido de nutrirse, pois está tan cargado de significados, de emocións e ligado a circunstancias e acontecementos sociais que nada ten que ver coa estrita necesidade para comer. En definitiva, alimentarse é unha práctica que se desenvolve máis aló do seu propio fin que substitúe, resume ou sinala outras prácticas sociais".
Tomado de Tecnociencia. Aliemtación e Saúde


"O pracer de comer alimentos moi graxos e doces é unha adaptación do pleistoceno para a nutrición e a supervivencia, así como o pracer do sexo é unha adaptación para a procreación: o feito é que era máis probable que aqueles antepasados a quen lles gustaban tanto o comer como o sexo deixasen descendentes e transmitísenlles a eles tales características".
Denis Dutton en Estética e Psicoloxía Evolucionista



Suxestións:
Neste libro Patricia Aguirre "describe as estratexias de consumo que fixeron que na actualidade os pobres sexan gordos de escaseza e os ricos fracos de abundancia".

(Prazo para facer comentarios ata as 23:59 do luns 11 de febreiro)

viernes, 25 de enero de 2008

SOBREALIMENTACIÓN

A continuación extractos de Por que comemos de máis? e A razón dos banquetes:

"Nunha sociedade cuxo principal problema de nutrición é a obesidade, esquécese facilmente o horrible que pode ser para o ser humano a falta de comida e de bebida. Con todo, a obesidade é só unha forma de fame encuberta. O espectro do exceso de peso axéxanos a algúns como o do fame axexa a outros, porque a nosa necesidade e apetito de comida son o resultado de dous millóns de fame, polo menos, de selección positiva da facultade non só para comer, senón para comer en exceso. [...]
O verdadeiramente notable na incidencia de obesidade da época moderna é que persiste, a pesar das modas e os canons estéticos que menosprezan aos gordos, pese ao gran esforzo educativo emprendido polas autoridades sanitarias para relacionar a obesidade coas enfermidades cardiovasculares e a pesar das industrias multimillonarias dedicadas á saúde, a comida dietética e o control de peso".
"Para ben ou para mal, os festíns de era industrial perderon algo do significado primordial da sobrealimentación. Os estadounidenses, por exemplo, non chegan ao Día de Acción de Grazas logo de meses de fame negra, coa necesidade imperiosa de repor os desabastecidos depósitos de graxa.[...]
As calorías adicionais non nos farán ben, pero para os nosos antepasados, festexar consistía en almacenar graxas e almacenar graxas supuña sobrevivir á seguinte xeada, seca ou período de fame."
  • Que relación establece Harris entre o fame, a sobrealimentación, e a selección natural?
  • Como sabes, en Galicia proliferan as festas gastronómicas por toda a súa xeografía e é moi habitual celebrar grandes banquetes, as vodas, a diferenza doutras zonas do estado, son enchentes interminables onde non só se procura ofrecer os mellores manxares senón destacar por unha esaxerada abundancia. Tes algunha hipótese que poida explicar estes costumes?

Suxestión:
O tema vese reflectido no cine, unha película moi nomeada é Super Size Me. Aquí o trailer.

(Prazo para facer comentarios ata as 23:59 do mércores 6 de febreiro)

O TRABALLO PARA COMBATER A FAME

En Comer di:
"Como mostra o estudo de Varsovia, aínda que a vida poida manterse durante meses cunha dieta que acabe na morte, a deterioración orgánica e psicolóxica iníciase rapidamente. [...] Independentemente de que se colleite, se plante, se coma carroña, se cace ou se produza en fábricas, os custos da produción de alimentos son elevados. A comida absorbeu sempre unha parte considerable do tempo, enerxía e coñecementos técnicos do noso xénero. Posto que as persoas necesitan e queren comer varias veces ao día, a comida non só é cara, senón intercambiable por outros bens e servizos".


Quizais estas preguntas axúdenche no comentario:

En que consiste o estudo de Varsovia ao que alude?
Cres que se puideron dar situacións parecidas en España?
Valoramos hoxe a comida do mesmo xeito na nosa sociedade de opulencia?
Es consciente do que custa producir, distribuír e prepara alimentos?
Que pensas de como o facemos na actualidade?.
Son traballos valorados?
Que industrias e sectores económicos móvense ao redor?
Que che suxire este capítulo?

Aquí podes ver un video sobre o ghetto de Varsovia

Suxestión:
O Pianista
Director: Roman Polanski Ano: 2002
Contido: Esta película describe a vida dun home durante o ghetto de Varsovia, polo que se pode ver claramente as malas condicións baixo as que vivían debido á represión Nazi.

Máis información sobre o Levantamento do Ghetto de Varsovia

(Prazo para facer comentarios ata as 23:59 do domingo 3 de febreiro)

INSTRUCCIÓNS PARA SEGUIR COA ANÁLISE DE “A NOSA ESPECIE”

Retomamos a lectura de "A nosa Especie" de Marvin Harris cun bloque de capítulos dedicados á alimentación relacionándoa coa selección natural e cultural. Debedes ler os seguintes capítulos: Comer. Por que comemos de máis? A razón dos banquetes. Por que engordamos. Gustos innatos. Gustos adquiridos. Por unha vez, os xenes. (Na edición que eu manexo son en total 29 páxinas).
En cada entrada sinalarase a data límite para subir comentarios logo da cal, e sen excepción, estes non serán corrixidos.
Que vos guste a lectura! Bo apetito!

viernes, 30 de noviembre de 2007

Música, imaxes, reflexión.



No ano 1992 o cineasta norteamericano Ron Fricke estreou "Baraka", unha das películas documentais máis impactantes das últimas décadas. O termo baraka é unha antiga voz sufí que significa alento vital. Con esta obra, filmada ao longo de varios anos en máis de 24 países por todo o globo, Fricke pretendeu ilustrar a tensa relación existente entre o planeta e o ser humano. Para conseguilo non dubidou en contrastar imaxes de fondo calado estético e grande beleza con secuencias nas que queda patente a brutal e ás veces daniña natureza humana. Ademais, Fricke decidiu non incluír ningún tipo de rótulo ou voz en off: as imaxes debían falar por si soas, convidando ao espectador a un exercicio de reflexión e análise constante. Limitouse a remarcar as imaxes coa música de grandes nomes do panorama sonoro contemporáneo, entre eles a do xaponés Somei Satoh, os chilenos Inkuyo ou os australianos Dead Can Dance, responsables da música que ilustra este pequeno fragmento que vos presentamos.

Logo de varios centos de séculos de adaptación e evolución, como interpretas o impacto humano na natureza? Que tipo de avaliación merece a relación entre o ser humano e o noso entorno? Pode ser comparado coa impronta deixada polo resto de especies animais? Hai algunha imaxe que consideres especialmente salientable ou impactante? Por que?

viernes, 16 de noviembre de 2007

FREUD ENTREVISTADO E REFLECTIDO NO CINE.

Esta entrevista foi concedida ao xornalista George Sylvester Viereck en 1926 na casa de Sigmund Freud nos alpes suízos. Críase perdida pero en realidade atopouse que fora publicada no volume de "Psychoanalysis and the Fut", en New York en 1957. Para ler o final da entrevista preme aquí.


A apaixonante vida do pai da psicanálise foi levada ao cine por John Huston en 1962 co título "Freud, paixón secreta". Velaquí un clip da película onde se mostra a unha paciente afectada de histeria.




TEORÍA PSICANALÍTICA DE FREUD


Se despois de ver este video e das explicacións de clase tes curiosidade por saber algo máis accede á colección da nosa biblioteca, teclea Freud despois de seleccionar autor no menú desplegable, e quizáis te animes a ler algunha cousiña sobre psicanálise, aínda que cómpre dicir que non é moi doado.



video


miércoles, 7 de noviembre de 2007

VIVA A TOLERANCIA! OU NON?

Agora que falamos tanto nas clases de progreso, cultura, relativismo, modernos e postmodernos, non estaría mal buscar un momentiño para ler tan só as 11 páxinas do artigo Guerras santas, paixón e razón que Umberto Eco publicou no seu libro compendio, A paso de cangrexo (dispoñible en Biblioteca).
En miúda lea métenos o bo de Eco cando, coma se fose Sócrates, a base de ir formulándonos preguntas empúxanos a decidir sobre a conveniencia ou non da tolerancia e sobre que tolerar.

Estaría ben, usando os comentarios a este post, establecer unha especie de foro entre quen temos interese nestes temas.

Umberto Eco é un recoñecido catedrático de semiótica da Universidade de Bolonia e mundialmente coñecido por ser o autor da novela O nome da rosa.

lunes, 5 de noviembre de 2007

OS NOSOS QUERIDOS CHIMPANCÉS

Harris establece similitudes no uso de ferramentas entre os chimpancés e os humanos no capítulo sobre o alba da tecnoloxía:

Xunto cos humanos, os chimpancés son os máis consumados usuarios de ferramentas que existen no reino animal. Durante moitos anos, Jane van Lawick-Goodall e os seus colaboradores estudaron o comportamento dunha poboación de chimpancés en estado natural do Parque Nacional de Gombe (Tanzania). Entre outras cousas, descubriron que os chimpancés utilizan ferramentas para «pescar» formigas e termitas ou «mollar» nelas. Para pescar termitas, escollen unha rama, a cal esfollan. Os termiteiros son duros como o formigón e inaccesibles, excepto por algúns túneles de entrada pouco protexidos. Os chimpancés furgan nestes túneles introducindo a rama. As termitas morden desde dentro o cabo desta; a continuación, os chimpancés sacan a rama e chupan dun lametón as termitas que penden dela. Unha vez esgotado a subministración, colócanse a rama na boca para transportada mentres buscan outro termiteiro con túneles de entrada adecuados
Os chimpancés fabrican tamén «esponxas» para recoller auga nos ocos inaccesibles das árbores. Dunha rama toman un puñado de follas, ponllas na boca, as mastigan un intre, colocan a masa resultante na auga, déixana que empape, levan as follas á boca e chupan a auga. Utilizan unha esponxa parecida para secarse a pelame, quitarse as sustancias pringosas e limpar o traseiro ás crías.

Non deixes de ver o video e ler a xenial entrevista que sobre os chimpancés lle fixo Eduard Punset a Jane van Lawick-Goodall
x
Haberá que redefinir cultura?
Haberá que redefinir chimpancé?
Haberá que redefinir humano?
x
x
Conceptos relacionados: Cultura. Natureza. Hominización. Aprendizaxe.

O USO DE FERRAMENTAS

No capítulo O alba da teconoloxía o antropólogo Harris escribe:
Diversas especies de paxaros utilizan pedras para romper a dura casca dos ovos de avestruz, de emú e de grulla xigante. O voitre exipcio, por exemplo, colle unha pedra co pico, sitúase a uns 90 centímetros do ovo de avestruz, inclina o pescozo cara atrás e, a continuación, a lanza con notable precisión. Os pinzóns collen co pico poliñas, espiñas de cacto ou peciolos que utilizan como sondas para ensartar insectos ou desaloxados dos seus agochos na cortiza das árbores. Mentres comen, suxeitan a ferramenta coas patas e logo vanse voando con ela ata a árbore seguinte. Ata os peixes empregan algún tipo de ferramenta. Proba diso é o porteiro do sueste asiático, que derruba moscas e mosquitos con chorros de auga. Paradoxalmente, a utilización espontánea de ferramentas non é máis complexa nin habitual entre animais que dispón de cerebros maiores e que dependen máis da aprendizaxe que do instinto. Poucos mamíferos da selva utilizan habitualmente as ferramentas en condicións naturais.


Poderías distinguir entre conducta instintiva e aprendida?
Cales son as ideas fundamentais que propón Harris neste capítulo?
Recentes investigacións parece que farían necesaria algunha remodelación das afirmacións de M.Harris. Preme aqui. Qué opinas?

sábado, 3 de noviembre de 2007

Children see, children do.

A asociación australiana Napcan (National Association for Prevention of Child Abuse and Neglect), que ten por obxectivo fundamental loitar contra os abusos á infancia e protexer ao menor, ven de facer pública unha campaña publicitaria que, baixo o lema children see, children do (os nenos ven, os nenos fan), pretende concienciar á Sociedade dos riscos dunha educación neglixente baseada en valores atidemocráticos. Consideras, tal e como insinúa o video, que somos aquilo que vemos cando nenos? É tan importante a formación en valores nos primeiros anos de vida, tal e como dá a entender o video da campaña? Neste senso, que rol pensas que desempeña a educación no proceso de configuración da nosa identidade social?

viernes, 26 de octubre de 2007

¿COMO E PARA QUE COMPRAR?

O noso grupo de pares (os iguais, compañeiros, amigos) son xunto cos medios de comunicación, escola, familia... os que modelan o noso comportamento, preferencias e valores.

Na nosa cultura optouse por un modelo consumista. A quen beneficia este modelo? A quen prexudica? Hai relación entre consumo e felicidade?

Conceptos relacionados: Endoculturación, aculturación, socialización.

domingo, 14 de octubre de 2007

NUN PRINCIPIO ERA O PÉ

Así argumenta Harris no capítulo Nun principio :

Por que creo a natureza un simio que camiñase a dúas patas? A resposta ten que atoparse na capacidade con que unha criatura tal conte para medrar no chan. Ningún animal grande camiña polas ramas das árbores e, menos aínda, salta con dúas patas de rama en rama. Pero o simple feito de vivir no chan non serve para explicar que vaiamos erguidos. Vivir no chan é, nin máis nin menos, o que mellor fai a maioría dos mamíferos, que con todo (dos elefantes aos gatos, cabalos e babuínos), desprázanse de poutelas. Un simio bípedo e bimano só ten sentido desde o punto de vista da evolución, porque podía facer no chan algo que ningunha outra criatura fixera nunca tanto nin tan ben: utilizar as mans para fabricar e transportar ferramentas, e utilizar ferramentas para satisfacer as necesidades cotiás.
Que quere dicir Harris con iso de que "a natureza creo"?
A que teoría evolucionista refírese?
Que relación establece entre o bipedismo e dentadura?
Que vantaxes e desvantaxes cres que ten o bipedismo?


Segundo investigacións actuais o bipedismo, ademais de liberar a man de funcións locomotrices representa un aforro importante de enerxía para o humano.

Nesta ligazón podes atopar un resumo fácil e interesante sobre bipedismo.

miércoles, 10 de octubre de 2007

PERSPECTIVA DE ANÁLISE

No Prefacio de A nosa especie Marvin Harris afirma:

"Ao defender unha perspectiva panhumana, biosocial e evolutiva non desexo restarlle importancia ao tradicional coñecemento local e particular. Vivimos e actuamos en contestos locais e particulares e non temos máis elección que empezar a coñecer o mundo desde dentro cara a fóra. Pero un exceso de particularismo, non poder ver o mundo desde fóra cara a dentro, constitúe unha forma de ignorancia tan perigosa como non saber as fronteiras dos Estados Unidos. Ten sentido coñecer a historia duns poucos Estados, pero non saber nada das orixes de todos os Estados?"
Entendes a súa perspectiva?
Cando na vida cotiá tomamos posición respecto a situacións derivadas de trazos culturais diferentes desde que perspectiva acostumamos facelo?
Se consultas a entrada Hijab no blog Mesturas encontraras un video que che pode axudar nesta reflexión.
Conceptos relacionados: Etnocentrismo. Relativismo cultural

martes, 9 de octubre de 2007

A NOSA ESPECIE DESDE A MIRADA DE MARVIN HARRIS


Que aspectos dos seres humanos están inscritos nos nosos xenes e cales forman parte da nosa herdanza cultural?

O antropólogo recentemente falecido Marvin Harris intenta responder a isto na súa obra A nosa especie, donde aborda as dificultades que tivemos para pasar de recolectores a carroñeros e a cazadores, que determina as nosas conductas sexuais, alimentarias, relixiosas ....

Neste blog imos ir comentando fragmentos dalgúns capítulos. Os primeiros que debes ler son o Prefacio, Nun principio e O alba da tecnoloxía, dos que trataremos en posteriores entradas.

E para facer boca que che suxire a imaxe?