viernes, 30 de noviembre de 2007

Música, imaxes, reflexión.



No ano 1992 o cineasta norteamericano Ron Fricke estreou "Baraka", unha das películas documentais máis impactantes das últimas décadas. O termo baraka é unha antiga voz sufí que significa alento vital. Con esta obra, filmada ao longo de varios anos en máis de 24 países por todo o globo, Fricke pretendeu ilustrar a tensa relación existente entre o planeta e o ser humano. Para conseguilo non dubidou en contrastar imaxes de fondo calado estético e grande beleza con secuencias nas que queda patente a brutal e ás veces daniña natureza humana. Ademais, Fricke decidiu non incluír ningún tipo de rótulo ou voz en off: as imaxes debían falar por si soas, convidando ao espectador a un exercicio de reflexión e análise constante. Limitouse a remarcar as imaxes coa música de grandes nomes do panorama sonoro contemporáneo, entre eles a do xaponés Somei Satoh, os chilenos Inkuyo ou os australianos Dead Can Dance, responsables da música que ilustra este pequeno fragmento que vos presentamos.

Logo de varios centos de séculos de adaptación e evolución, como interpretas o impacto humano na natureza? Que tipo de avaliación merece a relación entre o ser humano e o noso entorno? Pode ser comparado coa impronta deixada polo resto de especies animais? Hai algunha imaxe que consideres especialmente salientable ou impactante? Por que?