viernes, 30 de noviembre de 2007

Música, imaxes, reflexión.



No ano 1992 o cineasta norteamericano Ron Fricke estreou "Baraka", unha das películas documentais máis impactantes das últimas décadas. O termo baraka é unha antiga voz sufí que significa alento vital. Con esta obra, filmada ao longo de varios anos en máis de 24 países por todo o globo, Fricke pretendeu ilustrar a tensa relación existente entre o planeta e o ser humano. Para conseguilo non dubidou en contrastar imaxes de fondo calado estético e grande beleza con secuencias nas que queda patente a brutal e ás veces daniña natureza humana. Ademais, Fricke decidiu non incluír ningún tipo de rótulo ou voz en off: as imaxes debían falar por si soas, convidando ao espectador a un exercicio de reflexión e análise constante. Limitouse a remarcar as imaxes coa música de grandes nomes do panorama sonoro contemporáneo, entre eles a do xaponés Somei Satoh, os chilenos Inkuyo ou os australianos Dead Can Dance, responsables da música que ilustra este pequeno fragmento que vos presentamos.

Logo de varios centos de séculos de adaptación e evolución, como interpretas o impacto humano na natureza? Que tipo de avaliación merece a relación entre o ser humano e o noso entorno? Pode ser comparado coa impronta deixada polo resto de especies animais? Hai algunha imaxe que consideres especialmente salientable ou impactante? Por que?

viernes, 16 de noviembre de 2007

FREUD ENTREVISTADO E REFLECTIDO NO CINE.

Esta entrevista foi concedida ao xornalista George Sylvester Viereck en 1926 na casa de Sigmund Freud nos alpes suízos. Críase perdida pero en realidade atopouse que fora publicada no volume de "Psychoanalysis and the Fut", en New York en 1957. Para ler o final da entrevista preme aquí.


A apaixonante vida do pai da psicanálise foi levada ao cine por John Huston en 1962 co título "Freud, paixón secreta". Velaquí un clip da película onde se mostra a unha paciente afectada de histeria.




TEORÍA PSICANALÍTICA DE FREUD


Se despois de ver este video e das explicacións de clase tes curiosidade por saber algo máis accede á colección da nosa biblioteca, teclea Freud despois de seleccionar autor no menú desplegable, e quizáis te animes a ler algunha cousiña sobre psicanálise, aínda que cómpre dicir que non é moi doado.




miércoles, 7 de noviembre de 2007

VIVA A TOLERANCIA! OU NON?

Agora que falamos tanto nas clases de progreso, cultura, relativismo, modernos e postmodernos, non estaría mal buscar un momentiño para ler tan só as 11 páxinas do artigo Guerras santas, paixón e razón que Umberto Eco publicou no seu libro compendio, A paso de cangrexo (dispoñible en Biblioteca).
En miúda lea métenos o bo de Eco cando, coma se fose Sócrates, a base de ir formulándonos preguntas empúxanos a decidir sobre a conveniencia ou non da tolerancia e sobre que tolerar.

Estaría ben, usando os comentarios a este post, establecer unha especie de foro entre quen temos interese nestes temas.

Umberto Eco é un recoñecido catedrático de semiótica da Universidade de Bolonia e mundialmente coñecido por ser o autor da novela O nome da rosa.

lunes, 5 de noviembre de 2007

OS NOSOS QUERIDOS CHIMPANCÉS

Harris establece similitudes no uso de ferramentas entre os chimpancés e os humanos no capítulo sobre o alba da tecnoloxía:

Xunto cos humanos, os chimpancés son os máis consumados usuarios de ferramentas que existen no reino animal. Durante moitos anos, Jane van Lawick-Goodall e os seus colaboradores estudaron o comportamento dunha poboación de chimpancés en estado natural do Parque Nacional de Gombe (Tanzania). Entre outras cousas, descubriron que os chimpancés utilizan ferramentas para «pescar» formigas e termitas ou «mollar» nelas. Para pescar termitas, escollen unha rama, a cal esfollan. Os termiteiros son duros como o formigón e inaccesibles, excepto por algúns túneles de entrada pouco protexidos. Os chimpancés furgan nestes túneles introducindo a rama. As termitas morden desde dentro o cabo desta; a continuación, os chimpancés sacan a rama e chupan dun lametón as termitas que penden dela. Unha vez esgotado a subministración, colócanse a rama na boca para transportada mentres buscan outro termiteiro con túneles de entrada adecuados
Os chimpancés fabrican tamén «esponxas» para recoller auga nos ocos inaccesibles das árbores. Dunha rama toman un puñado de follas, ponllas na boca, as mastigan un intre, colocan a masa resultante na auga, déixana que empape, levan as follas á boca e chupan a auga. Utilizan unha esponxa parecida para secarse a pelame, quitarse as sustancias pringosas e limpar o traseiro ás crías.

Non deixes de ver o video e ler a xenial entrevista que sobre os chimpancés lle fixo Eduard Punset a Jane van Lawick-Goodall
x
Haberá que redefinir cultura?
Haberá que redefinir chimpancé?
Haberá que redefinir humano?
x
x
Conceptos relacionados: Cultura. Natureza. Hominización. Aprendizaxe.

O USO DE FERRAMENTAS

No capítulo O alba da teconoloxía o antropólogo Harris escribe:
Diversas especies de paxaros utilizan pedras para romper a dura casca dos ovos de avestruz, de emú e de grulla xigante. O voitre exipcio, por exemplo, colle unha pedra co pico, sitúase a uns 90 centímetros do ovo de avestruz, inclina o pescozo cara atrás e, a continuación, a lanza con notable precisión. Os pinzóns collen co pico poliñas, espiñas de cacto ou peciolos que utilizan como sondas para ensartar insectos ou desaloxados dos seus agochos na cortiza das árbores. Mentres comen, suxeitan a ferramenta coas patas e logo vanse voando con ela ata a árbore seguinte. Ata os peixes empregan algún tipo de ferramenta. Proba diso é o porteiro do sueste asiático, que derruba moscas e mosquitos con chorros de auga. Paradoxalmente, a utilización espontánea de ferramentas non é máis complexa nin habitual entre animais que dispón de cerebros maiores e que dependen máis da aprendizaxe que do instinto. Poucos mamíferos da selva utilizan habitualmente as ferramentas en condicións naturais.


Poderías distinguir entre conducta instintiva e aprendida?
Cales son as ideas fundamentais que propón Harris neste capítulo?
Recentes investigacións parece que farían necesaria algunha remodelación das afirmacións de M.Harris. Preme aqui. Qué opinas?

sábado, 3 de noviembre de 2007

Children see, children do.

A asociación australiana Napcan (National Association for Prevention of Child Abuse and Neglect), que ten por obxectivo fundamental loitar contra os abusos á infancia e protexer ao menor, ven de facer pública unha campaña publicitaria que, baixo o lema children see, children do (os nenos ven, os nenos fan), pretende concienciar á Sociedade dos riscos dunha educación neglixente baseada en valores atidemocráticos. Consideras, tal e como insinúa o video, que somos aquilo que vemos cando nenos? É tan importante a formación en valores nos primeiros anos de vida, tal e como dá a entender o video da campaña? Neste senso, que rol pensas que desempeña a educación no proceso de configuración da nosa identidade social?